conceptos bloque 2 Flashcards
Mozárabe
Cristián que vivía en al-Ándalus durante a Idade Media. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron desprazándose cara ao norte, aos territorios controlados polos reis cristiáns, ou foron converténdose ao Islam (muladís). Nas cidades sempre residiron en barrios diferenciados.
Marca hispánica
Territorio controlado nos séculos VIII e IX polos emperadores e reis dos francos ao sur dos Pirineos, formando a fronteira entre o imperio carolinxio e al-Ándalus para frear a expansión musulmá. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero foron tendo unha crecente autonomía ata crear condados e reinos independentes como os de Navarra, Aragón e os condados catalanes.
Taifas
Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns para o que buscaron o apoio de almorábides e almoades. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos dando así fin á Reconquista.
Manso
Unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos (pago de rentas) . Xunto coa reserva señorial (terras directamente explotadas polo señor) constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.
Presura
(aprisio nalgunhas zonas) Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Desenvolveuse entre Galicia, norte do val do Duero e sur dos Pirineos.
Carta de poboamento
Documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían na época medieval privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer poboación nos territorios que estaban despoboados ou que se ían reconquistando aos musulmáns. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.
Mesta
organización que regulaba a trashumancia do gando ovino no reino de Castela desde os pastos de inverno ata os pastos de verán, creada polo rei Afonso X O Sabio en 1273. Os lugares de tránsito (cañadas) estaban protexidos polo Consello da Mesta, que defendía os intereses dos gandeiros (a nobreza propietaria de grandes rebaños) fronte aos agricultores, pois a exportación de la xeraba cuantiosos ingresos por taxas á Coroa.