conceptos 1808-1874 Flashcards
Abdicacións de Baiona
tras a abdicación de Carlos IV no seu fillo Fernando VII polo motín de Aranjuez (marzo de 1808), estes dous acuden á cidade francesa de Baiona convocados por Napoleón Bonaparte, onde Fernando devólvelle a coroa de España ao seu pai Carlos e este abdica en Napoleón, quen cederá tales dereitos ao seu irmán Xosé Bonaparte, que reinará como Xosé I.
Afrancesados
nome de carácter pexorativo co cal se coñece en España a unha minoría de partidarios da ocupación francesa da península Ibérica durante a Guerra da Independencia. Como ilustrados, respaldaron a política reformista e autoritaria de Xosé I. En 1814, unha vez rematada a guerra, serán perseguidos por Fernando VII e, acusados de traidores, moitos deberán exiliarse a Francia.
Tratado de Valençay
Acordo de paz asinado en decembro de 1813 nesa cidade francesa polo que o emperador Napoleón Bonaparte aceptaba a suspensión das hostilidades, o retorno de Fernando VII ao trono de España, a devolución dos territorios ocupados e a renuncia de Xosé I. Tanto as tropas francesas como británicas debían abandonar España.
Manifesto dos Persas
Documento subscrito en 1814 por 69 deputados de tendencia absolutista participantes nas Cortes de Cádiz no que se solicitaba a Fernando VII, tras o seu retorno do exilio en Francia, a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime, razóns polas que Fernando VII aproveitou para restaurar o absolutismo.
Pronunciamento
Golpe de estado ou levantamento de parte do exército, contando co apoio dun determinado sector da sociedade, que “se pronuncia” a favor do cambio do sistema político vixente. Foi empregado na España do s. XIX polas distintas faccións liberais para derrubar un goberno ou facer presión sobre él para que adoptase reformas. Por exemplo o de Riego contra Fernando VII, a Vicalvarada ou a Gloriosa.
Pragmática Sanción de 1830
Disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como Lei Sálica, aprobada por Filipe V,que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do irmán do rei, o infante Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu a filla de Fernando VII, a futura Isabel II, en herdeira o que motivará a primeira guerra carlista á morte do rei en 1833.
Estatuto Real
Nome do Decreto de 1834, vixente ata 1836, polo que a raíña rexente María Cristina de Borbón convocaba as Cortes do reino de España e co que pretendía realizar concesións políticas aos liberais. A monarca renunciaba a manter en exclusiva o poder inda que mantiña a soberanía. Redactado polo moderado Martínez de la Rosa, non satisfizo nin a liberais nin aos absolutistas.
Sufraxio censatario e universal
O sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos (no s. XIX só foi masculino). O censatario limita este dereito só á clase posuidora de determinados bens, que lle permitan estar inscritas nun “censo electoral”; mentres que o universal soamente establece como condición para votar a maioría de idade. En España, o censatario foi defendido polos liberais e o universal polos demócratas.
Unión Liberal
Partido político liberal fundado en 1858 polo xeneral Leopoldo O‘Donnell. Nel participarán, xunto con numerosos militares, os sectores máis progresistas que veñen do partido moderado e os máis moderados que proveñen do partido progresista. Era un partido de centro de tipo pragmático, sen unha ideoloxía concreta. Gobernaron con interrupcións entre de 1858 e 1866, destacando as campañas de prestixio militar no exterior.