S. XX Flashcards
AGRARISMO
movemento reivindicativo que organizou ao campesiñado galego en
asociacións e sindicatos agrarios para lograr a redención dos foros, loitar contra o
caciquismo e propulsar a renovación técnica. Destacaron as organizacións Solidariedade
Galega (1907-12) e Acción Galega (1910-15), xunto co máximo líder desta, Basilio
Álvarez.
BIENIO NEGRO
segundo período da Segunda República comprendido entre novembro
1933 e febreiro 1936. Foi cualificado así (e tamén como rectificador e contrarreformista)
polas esquerdas debido ás medidas revisionistas e conservadoras tomadas polos gobernos
de dereitas radicalcedistas, que paralizaron moitas das leis reformistas do primeiro bienio
republicano e exerceron unha dura represión sobre os participantes na revolución de
outubro de 1934.
BRIGADAS INTERNACIONAIS
unidades militares de voluntarios estranxeiros que participaron
na Guerra Civil española apoiando á Segunda República. Estaban formadas por
brigadistas, procedentes de máis de 50 países de Europa e América, organizados a través
dos partidos de esquerda socialistas e comunistas dos seus respectivos países. Foron
retirados en outubro de 1938 pola presión internacional.
CEDA
siglas da Confederación Española de Dereitas Autónomas, unha coalición de
partidos conservadores e católicos fundada en 1933 por Gil Robles. Definíase como
contrarrevolucionaria e antimarxista, defensora da relixión, a familia e a propiedade, e
esixía a revisión da Constitución de 1931 para adecuala aos principios cristiás. Formou
parte do Goberno da Segunda República, en coalición co Partido Radical, entre 1934 e
1935.
CONTUBERNIO DE MÚNIC
nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de
ridiculizar o Congreso do Movemento Europeo celebrado en Múnic en 1962. O máximo
impulsor da reunión foi Salvador de Madariaga, moi ben relacionado cos dirixentes do
movemento europeo, e a ela asistiron 118 opositores ao franquismo, tanto do interior de
España como do exilio, unidos por un obxectivo común: instaurar en España un sistema
político democrático.
DESASTRE DE ANNUAL
derrota do exército español en xullo de 1921 fronte ás cabilas
rifeñas dirixidas por Abd el-Krim na guerra de Marrocos. Morreron miles de soldados
españois e os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a independencia da
República do Rif. O desastre agudizou a crise da Restauración borbónica e o desprestixio
do exército e de Alfonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota
DIRECTORIO MILITAR
primeiro goberno da ditadura de Primo de Rivera formado, tras o
golpe de estado de 1923, unicamente por militares e que durou ata 1925. A Constitución
de 1876 e os partidos políticos quedaron suspendidos, os dereitos e liberdades foron
restrinxidos e as publicacións e a prensa sometidos a censura. O seu maior éxito foi a
finalización da guerra de Marrocos tras o desembarco de Alhucemas de 1925.
EXPEDIENTE PICASSO
informe redactado en 1922 polo xeneral Juan Picasso baseado na
investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de
Annual para determinar as súas responsabilidades. O informe revelaba a neglixencia dos
militares, a temeraria actuación do xefe das tropas, o xeneral Silvestre, e a implicación de
Alfonso XIII no desastre militar
FAI
siglas da Federación Anarquista Ibérica fundada en 1927, fusionando a Unión
Anarquista Portuguesa e a Federación Nacional de Grupos Anarquistas de España. Estaba
organizada en pequenos grupos revolucionarios radicais de activistas anarquistas.
Desempeñou un importante papel no movemento obreiro, sobre todo a través da súa
presenza no sindicato anarcosindicalista da CNT, durante a II República e a Guerra Civil.
FET E DAS XONS
siglas de Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva
Nacional Sindicalista, a organización política creada por Franco en 1937 mediante o
Decreto de Unificación que fusionaba o movemento tradicionalista carlista coas
formacións fascistas de Falanxe Española e das XONS. Foi a única formación política
autorizada durante o franquismo, sendo coñecida como Movemento Nacional.
FRONTE POPULAR
coalición electoral creada en xaneiro de 1936 polos principais partidos
obreiros e republicanos de esquerda. Tras vencer nas eleccións de febreiro de 1936,
serviu de apoio á política reformista desenvolvida polos gobernos formados por
republicanos de esquerda encabezados por Azaña e Casares Quiroga
LEI PARA A REFORMA PÚBLICA
lei aprobada polas Cortes franquistas e, tras a súa
aceptación en referendo, foi promulgada en 1977 con rango de Lei Fundamental. Foi o
instrumento legal que permitiu o paso da ditadura franquista a un sistema constitucional
democrático dende a legalidade vixente (da lei á lei) mantendo a paz social. Establecía
que a democracia era a expresión da soberanía popular, que as Cortes serían elixidas por
sufraxio universal e regulaba a futura convocatoria das primeiras eleccións xerais desde
febreiro de 1936.
LEXIÓN CÓNDOR
denominación da forza de intervención alemá, fundamentalmente aérea,
coa que o III Reich de Hitler apoiou ao bando sublevado franquista durante a Guerra
Civil española. Foi clave e responsable de numerosos ataques a posicións republicanas e
sobre a poboación civil, destacando os bombardeos de Madrid, Guernica e Barcelona.
NACIONALCATOLICISMO
ideoloxía que defende que a vida política, social e cultural debe
estar sometida ás directrices da Igrexa católica. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime
franquista que contou co apoio e aprobación da Igrexa católica. A xerarquía eclesiástica
xustificou e aceptou a autoridade de Franco como Caudillo de España pola graza de Deus,
e a cambio impuxo o seu control sobre a moral, os costumes e a educación.
PACTO DE SAN SEBASTIÁN
acordo verbal ao que chegaron, en agosto de 1930 en San
Sebastián, diversas personalidades representativas de partidos republicanos de diferentes
tendencias, catalanistas e socialistas polo que se comprometían a establecer a república
democrática e a recoñecer a autonomía de Cataluña, Galicia e provincias vascas. Ademais,
formaron un comité revolucionario para coordinar unha sublevación co fin de derrocar á
monarquía de Alfonso XIII.