Bloque 2 Flashcards
CARTA DE POBOAMENTO
Documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou
cidades coa finalidade de atraer poboación e repoboar os territorios que se ían reconquistando aos musulmáns. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.
MANSO
Unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía
en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.
MESTA
Organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Alfonso X, quen reuniu nunha única institución as varias mestas existentes. Estaba rexida polo Consello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinou numerosos conflitos cos agricultores ata que a Mesta foi abolida en 1836.
MOZÁRABE
Cristián sometido aos musulmáns en al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe
e os seus costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron
desprazándose cara ao norte, aos territorios controlados polos reis cristiáns.
PRESURA
Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades: a oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados, e a privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.
TAIFAS
Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de alÁndalus. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos dando así fin á Reconquista.