Bloque 4 Flashcards
ANTIGO RÉXIME
período que se iniciou en Europa no século XVI e que
acadou a súa plenitude no século XVIII. Caracterizouse por unha economía de
base agraria, a pervivencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e a
monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos
cambios introducidos pola Revolución Francesa.
CATASTRO DE ENSENADA
minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as
características demográficas, económicas e xeográficas das poboacións da
Coroa de Castela co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional e
substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi
proposto polo marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, e foi elaborado
entre 1750 e 1753.
DECRETOS DE NOVA PLANTA
conxunto de decretos promulgados por Felipe V,
entre 1707 e 1716 que impoñían, nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón,
Valencia, Mallorca e Cataluña), a organización político-administrativa de
Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra
de Sucesión e tomar partido por Carlos de Austria. Permitiron a implantación
dun modelo de estado centralista e uniforme en España agás nas provincias
vascas e Navarra.
DESPOTISMO ILUSTRADO
sistema político da segunda metade do século XVIII
que defendía o incremento do poder absoluto do rei para que, axudado das
luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar a riqueza
do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi “todo para
o pobo, pero sen o pobo” e o mellor representante en España foi Carlos III.
MOTÍN DE ESQUILACHE
revolta popular acontecida en 1766 en Madrid
provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o
uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está no
descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás
reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos.
PAZ DE UTRECHT
tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que
puxo fin á Guerra de Sucesión española e que foi complementado co de
Rastatt de 1714. Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos tratados se
recoñecía a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a
Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais con América) e
cesións territoriais a Austria (Flandres e Napolés).
REGALISMO BORBÓNICO
política de control e limitación do poder da igrexa
católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da
potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o
padroado rexio ou dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para
ocupar sedes eclesiásticas vacantes (recoñecido polo Concordato de 1753) e o
placet ou dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa Sede.