Hidrosfera Flashcards
Acuífero
Rocha ou formación xeolóxica capaz de almacenar e transmitir auga. Esta
satura os poros do acuífero ata o nivel freático.
Afloramento oceánico
Ascenso de augas profundas, arrastrando con elas os nutrientes dos fondos. Pode ser provocado pola acción de ventos constantes ou pola mestura de correntes de auga de distinta densidade (circulación termohalina). O afloramento arrastra nutrientes cara á superficie e prodúcese unha boa mestura de auga na vertical, facendo que aumente a produción primaria e, en consecuencia, a pesca
Autodepuración
Procesos físicos, químicos e biolóxicos que, de modo natural, conducen á eliminación dos contaminantes das augas.
Bioindicadores
organismos que indican, coa súa presenza, cales son as condicións do medio en que viven. Así, os liques son bioindicadores de contaminación atmosférica (algunhas especies son máis sensibles ca outras á contaminación) e moitos invertebrados empréganse como bioindicadores da calidade das augas.
Capacidade de corrente
cantidade de materiais que pode transportar un río.
Carga dun río
materiais transportados polo río. Cando a carga é maior que a capacidade, o río sedimenta. Se a carga é menor que a capacidade, o río erosiona.
Caudal ecolóxico
cantidade mínima de auga necesaria para manter un ecosistema acuático nun bo estado, preservando a súa dinámica e biodiversidade.
Circulación termohalina
correntes mariñas profundas que circulan debido a diferenzas de densidade das augas, como consecuencia de diferenzas de temperatura e/ou salinidade. As augas máis frías e/ou salgadas son máis densas que as quentes e/ou menos salgadas, ás cales fan ascender.
Corga ou rambla
torrente ou leito que permanece seco durante a maior parte do ano, agás cando ocorren precipitacións de gran intensidade. Son típicas da rexión mediterránea.
Demanda biolóxica de osíxeno. ou DBO
parámetro para medi-la calidade das augas; é a cantidade de osíxeno necesaria para que os microorganismos degraden a materia orgánica. Polo tanto, canto maior é a DBO, maior é a cantidade de materia orgánica biodegradable presente na auga.
DQO
demanda química de osíxeno; é a cantidade de osíxeno necesaria par a degradación química da materia orgánica por axentes químicos oxidantes.
Eutrofización
contaminación das augas por exceso de nutrientes (especialmente fósforo e nitróxeno) nas mesmas. Isto fai que aumente a produción primaria; ao proliferar as algas aumenta a turbidez e morren algas das augas máis profundas; aumenta a cantidade de bacterias descompoñedoras, primeiro aerobias, e ante o consumo de osíxeno, despois anaerobias. Morren peixes por falta de osíxeno e as augas adquiren mal color e olor a causa dos gases resultantes das fermentacións.
Filtro verde
sistema de depuración branda das augas residuais. Consiste en facer o vertido de augas residuais nun terreo cuberto de vexetación (por exemplo chopos) para que o solo elimine os contaminantes da auga mediante procesos físicos, químicos e biolóxicos.
Hidrograma
representación gráfica do caudal dun río ou torrente en función do tempo. Pode ser anual cando o tempo se representa en meses (e reflicte os tempos de crecida e estiaxe) ou ben de crecida, representando o tempo en horas (reflicte a resposta ante precipitacións torrenciais). Os hidrogramas son in instrumento par a prevención de inundacións.
Intrusión mariña
fenómeno que consiste na substitución de auga doce dun acuífero por auga salgada do mar; prodúcese cando se sobreexplota o acuífero extraendo unha cantidade de auga que supera á súa capacidade de recarga.
Marea vermella
proliferación masiva de microalgas vermellas do fitoplancto, o que da lugar a coloracións ás que alude o seu nome e causa problemas pola posible acumulación de toxinas en moluscos como o mexillón, que non se poden consumir. É un fenómeno que se ve favorecido polo exceso de nutrientes nas augas, especialmente no verán.
Nivel freático
nivel ó que chegan as augas dun acuífero. Por debaixo del prodúcense movementos da auga na horizontal e por enriba na vertical (infiltración e evaporación)
Oligotrófico
aplícase este termo a lagos ou encoros cun baixo contido en nutrientes; son pouco produtivos, con elevada concentración de osíxeno, transparentes e profundos.
Ósmose inversa
sistema de desalgamento de augas a través de membranas. Faise pasar a auga a través dunha membrana semipermeable da disolución máis concentrada (auga salgada ou salobre) á máis diluída (en contra de gradiente). Isto conséguese aplicando unha presión maior ca presión osmótica.
Termoclina
zona que separa as auga superficiais (máis quentes) das profundas (máis frías); cando existe esta termoclina nos ecosistemas acuáticos a produtividade acostuma ser baixa, xa que os produtores (na superficie) reciben un escaso aporte de nutrientes dos fondos. Nas zonas de afloramento rómpese a termoclina e hai unha boa mestura de augas na vertical.